Na data de amortización sinalada para cada valor, ou o seguinte día hábil se aquela non o fose, a Central de Anotacións aboará o importe nominal dos saldos de valores amortizados na conta de tesourería no Banco de España designada como domiciliataria polas Entidades Xestoras e demais Titulares de Conta, dando de baixa o citado importe na conta de valores correspondente.
As Entidades Xestoras (no nome propio e de terceiros) e os Titulares de Conta (unicamente en nome propio) que desexen optar pola amortización voluntaria de valores, cando se recollese esta opción en favor dos posuidores nas condicións de emisión, comunicarán por fax os seus pedimentos na data e hora que en cada caso estableza a Central de Anotacións.
O pedimento de amortización voluntaria implica que o solicitante posúa, na data de solicitude, saldo suficiente do valor a amortizar, non suxeito a compromisos de revenda e do que só poderá dispoñer mediante cesións temporais ata o día anterior ao da data de amortización. Polo tanto, quedan excluídos da opción de amortización anticipada voluntaria os saldos afectos a compromisos de revenda e os saldos inmobilizados na Central de Anotacións.
O día en que teña lugar a amortización, a Central de Anotacións aboará o importe nominal destes valores na conta de tesourería de cada entidade, tras o cargo deste importe na respectiva conta de valores.
As contrapartidas de efectivo por amortización de saldos correspondentes a valores inmobilizados, como consecuencia da constitución de garantías, afianzamentos ou outras caucións, permanecerán nesa situación ata que a inmobilización sexa levantada segundo o procedemento previsto na Circular 16/1987 de 19 de maio do Banco de España.
Se nas condicións de emisión se recolle a amortización proporcional, esta efectuarase segundo o sinalado antes. antes.