As poxas convócanse mediante Resolución da Dirección Xeral do Tesoro e Política Financeira, na que se anuncian certos detalles sobre esta:
1. Datas de emisión e amortización da Débeda emitida.
2. Data e hora límite de presentación das peticións no Banco de España.
3. Data de resolución da poxa.
4. Data de liquidación.
5. Data e hora límite para o pago dos valores adxudicados.
6. Importe nominal ofrecido (cando se desexa comunicar tal información).
7. Importe nominal mínimo das ofertas (no seu caso).
8. A posibilidade ou imposibilidade de presentar ofertas non competitivas.
9. No caso dos Bonos y Obligaciones del Estado:
- Tipo de xuro nominal anual e data de pago dos cupóns.
- Opción de amortización anticipada.
10. Carácter especial da poxa (no seu caso).
11. Calquera outras condicións adicionais que poidan existir (en particular, o importe máximo conxunto das peticións que cada subscritor poida presentar posteriormente ás poxas de Bonos y Obligaciones del Estado).
Nas emisións de Bonos y Obligaciones del Estado, utilízase a técnica da agregación, ou emisión por tramos, que consiste en manter aberta a emisión do mesmo valor durante varias poxas consecutivas (tres polo menos). Os valores adxudicados nas distintas poxas son funxibles entre si, por ter o mesmo cupón nominal e as mesmas datas de pago de xuros e de amortización.Cando o volume nominal total emitido alcanza aproximadamente catorce mil millóns de euros péchase ese código valor e ábrese un novo.
Ademais, no caso dos Bonos y Obligaciones del Estado, establécense, en coordinación cos Creadores de Mercado, uns obxectivos de colocación para as poxas, o que contribúe a estabilizar os fluxos de financiación. Os obxectivos fíxanse previamente á celebración das poxas, en D-2 para as poxas que teñen lugar en mércores e en D-3 para as que teñen lugar en xoves. Os obxectivos refírense ao volume esperado e ao volume máximo a emitir, e son vinculantes en canto ao máximo que se emitirá na primeira volta. Tamén se establecen uns volumes mínimos de emisión, que son de 180 millóns de euros para os Bonos a 3 e 5 anos, e de 90 millóns de euros para as Obrigacións a 15 e 30 anos.