Derivados

 

Os mercados de derivados son unha das principais innovacións aparecidas nos mercados financeiros nacionais e internacionais nos últimos anos, ante a maior volatilidade e incertidume de prezos e tipos de xuro. En particular, desenvolvéronse instrumentos derivados e os seus correspondentes mercados para facilitar a cobertura de riscos asociados ás carteiras de Débeda Pública. Así, en España, naceu en 1989 o Mercado OM Ibérica, que en 1992 deu paso a MEFF Renda Fixa, que é o mercado oficial de futuros e opcións sobre Débeda Pública. Neste mercado negócianse, compénsanse e liquídanse todos os contratos de opcións e futuros sobre Valores del Tesoro. Trátase dun mercado electrónico, no que os membros canalizan as súas ordes de compravenda a unha unidade central de procesamento, que á súa vez as almacena, casa e executa.
 

 Podemos clasificar os membros do mercado en varias categorías:

  • 1. Membros liquidadores: poden negociar e liquidar por conta propia, por conta de clientes e por conta doutros membros.
  • 2. Membros liquidadores custodios: actúan como membros liquidadores e ademais poden ser depositarios ou custodiar as garantías depositadas como consecuencia das operacións realizadas no mercado.
  • 3. Membros non liquidadores: actúan como intermediarios, poden negociar pola súa conta e por conta dos seus clientes, pero para liquidar teñen que acudir a un membro liquidador.


Ademais, existe a figura de Creador de Mercado cuxa función é proporcionarlles liquidez e profundidade aos mercados.
 

 Unha característica destacable de MEFF Renda Fixa é que, para determinar a marxe de garantía - diariamente actualizada- que cada axente debe depositar para operar no mercado, a Cámara ten en conta a posición neta de cada axente, compensando as operacións realizadas en ambos os mercados (futuros e opcións), reducíndose a marxe esixida.
 

 Futuros sobre Débeda do Estado

Un contrato de futuros é un contrato a prazo, polo que se acorda a compravenda dun activo nunha data futura e a un prezo prefixado. Unha característica esencial dos contratos de futuros é que se negocian en mercados organizados e que practicamente todos os elementos do contrato están estandarizados; só o prezo da operación que se vai realizar é susceptible de negociación. Ademais, nestes mercados existe unha Cámara de Compensación que casa as operacións asegurando a existencia de contrapartida, segue a evolución diaria do mercado nun proceso coñecido como "marcar o mercado", e esíxelles as marxes de garantía (iniciais e de variación diaria) ás partes contratantes.

Na actualidade unicamente se negocia o contrato de futuro sobre o Bono a 10 anos cuxo subxacente é un bono nocional teoricamente emitido á par na data da expiración e cun cupón anual do 4%. Os valores entregables ao vencemento do contrato son aquelas Obligaciones del Estado que figuren na relación elaborada por MEFF Renda Fixa para tal efecto; en xeral, para cada vencemento, serán entregables todas as Obligaciones del Estado a 10 anos emitidas na poxa do mes do primeiro vencemento, ademais de todas aquelas Obligaciones del Estado orixinalmente emitidas a 10 anos que, na data de entrega do correspondente vencemento, teñan un prazo de vida residual igual ou superior a sete anos e seis meses; nas emisións que inclúan cláusula de amortización anticipada, tomarase a data desta opción como data de amortización; así mesmo, serán entregables as Obligaciones del Estado emitidas a prazos superiores a 10 anos sempre que satisfagan certas condicións (relativas á súa vida residual, ao seu saldo vivo e á súa negociación).

Opcións sobre Débeda do Estado

Un contrato de opción consiste en que o comprador da opción adquire o dereito (non a obrigación) de comprar (opción de compra ou call) ou vender (opción de venda ou put) un activo nunha data futura a un prezo previamente estipulado (prezo de exercicio); a cambio de adquirir este dereito, o comprador da opción paga unha prima (prezo da opción), limitando así o seu risco á contía da prima. O vendedor da opción queda obrigado a comprar ou vender o activo subxacente se a contrapartida exerce a opción, asumindo maior risco.


Na actualidade negócianse os seguintes contratos de opción sobre Débeda do Estado:

  • 1. Opción sobre o futuro a 10 anos (trimestral): o activo subxacente é o contrato de futuros a 10 anos. O seu vencemento é trimestral (marzo, xuño, setembro e decembro) e é do tipo americano.
  • 2. Opción sobre o futuro a 10 anos (mensual): o activo subxacente é o contrato de futuros a 10 anos. O seu vencemento é mensual (nos meses de xaneiro, febreiro, abril, maio, xullo, agosto, outubro).