Logotipo del MEH

Contenido

Diectiva de Servizo de Pagamentos

 

O obxectivo da Directiva é garantir que os pagamentos no ámbito da UE —en particular as transferencias, os cargos directos e os pagamentos efectuados con tarxeta— poidan realizarse coa mesma facilidade, eficiencia e seguridade que os pagamentos nacionais internos dos Estados membros, establecendo o marco xurídico necesario para a creación da Zona Única de Pagamentos para o Euro (SEPA). A Directiva reforzará os dereitos e a protección de todos os usuarios dos servizos de pagamento (consumidores, retallistas, pequenas e grandes empresas e autoridades públicas). O BCE e a Comisión Europea estiman que a adopción da Directiva polo Parlamento Europeo constitúe un paso decisivo para a creación da SEPA. A Directiva, ao harmonizar o marco xurídico aplicable, facilitará en grande medida a aplicación operativa dos instrumentos da SEPA no sector bancario, ademais da súa adopción por parte dos usuarios finais, o que sentará as bases para un mercado único «interno» de pagamentos en euros. Así mesmo, posto que nela se establece un marco prudencial apropiado para os novos participantes no mercado de pequenos pagamentos, a Directiva reforzará a protección dos consumidores e fomentará a competencia e a innovación, incentivando así o progreso tecnolóxico e o desenvolvemento de novos produtos, como a facturación electrónica, que poden reportar notables beneficios á economía no seu conxunto. Ata o momento, o Consello Europeo de Pagamentos e o sector bancario europeo levan logrado progresos significativos cara á creación da SEPA. Mediante a proposta da Directiva adoptada polo Parlamento Europeo, o BCE e a Comisión Europea instan á comunidade bancaria e a todas as partes interesadas a manter o seu interese e a intensificar os traballos preparatorios necesarios para o establecemento da SEPA antes do 1 de xaneiro de 2008, e a súa posterior aplicación de forma oportuna e eficaz. O BCE e a Comisión Europea seguirán apoiando estes esforzos. O Parlamento Europeo adoptou o pasado 24 de abril a proposta de Directiva sobre servizos de pagamento, respecto da cal o Consello ECOFIN acordara xa unha orientación xeral na súa reunión de 27 de marzo de 2007. O texto da Directiva remitirase ao Consello da UE para a súa adopción definitiva. Os Estados membros deberán traspoñer a Directiva ás súas respectivas lexislacións nacionais tan pronto como sexa posible e, a máis tardar, o 1 de novembro de 2009 .

LexUriServ.pdf